O noso centro está situado na localidade de Oímbra; unha zona rural situada na comarca de Verín, ao carón do río Támega. Estamos en terra de viñedos e adegas e, a meirande parte dos veciños, posúen viñas nas que traballan todo ao ano para facer a recolleita das uvas en setembro, uvas coas que se elaboran os viños das diferentes adegas da comarca. E se ben as uvas son de importancia no concello, cumpre salientar por riba das mesmas, se cabe, o pemento de Oímbra, un produto con indicación xeográfica protexida e do cal, no mes de agosto, se celebra unha festa considerada de interese turístico galego. Por último, e estando tan preto de Verín e Laza, Oímbra súmase con varias actividades á festividade do Entroido, entre elas cabe destacar: o “Luns de Adegas”, xornada na que todo aquel que ven disfrazado está convidado a degustar o viño, as viandas e os doces que preparan os propios veciños, e a festa de “Os Fachucos”, unha festa nocturna, na que os veciños pasean con fachucos de palla por todo o pobo.

E neste enclave está situado o noso centro de día, un edificio de dúas plantas e capacidade para 21 usuarios/as. Trátase dun espazo moi luminoso, grazas á gran cantidade de fiestras que posúe e no que os diferentes espazos de traballo están repartidos entre ámbalas dúas plantas mencionadas. Así, ao longo do día, e en función da actividade a realizar, utilizamos un ou outro, asegurándonos de que o espazo e o mobiliario permiten sacar o máximo rendemento á actividade realizada e facilitar a participación dos usuarios. Ademais, diante do centro, temos unha explanada na que dar paseos, cando o tempo acompaña e desfrutar de diferentes actividades ao aire libre.

O equipo de traballo está integrado por unha Terapeuta Ocupacional, unha Psicóloga e unha Traballadora Social, quen leva tamén a dirección do centro; catro Xerocultor/as e unha Persoa de Servizos Xerais. O noso obxectivo e conseguir que, durante a súa estadía no centro, os usuarios desfruten ao máximo posíbel participando nas diferentes actividades propostas sempre acompañadas de risas e bo humor; xuntos cantamos, conversamos e lembramos momentos do pasado... porque para nós o máis importante é o seu benestar e que poidan considerar ao centro coma un segundo fogar.